Edições Anteriores
-
Transcendencia e cidadanía. Estudo mitocrítico dos relatos de X.L. Méndez Ferrín, de María Carreira Lópezn. 4 (2021)
Transcendencia e cidadanía. Estudo mitocrítico dos relatos de X. L. Méndez Ferrín, da autoría de María Carreira López, constitúe unha análise dos eixes semánticos profundos que alentan os relatos ferrinianos e que irradian sobre toda a súa obra. Mediante o método mitocrítico, concibido por Gilbert Durand, detéctanse na produción ferriniana varias veas míticas que conflúen en dous filóns ateigados de significado.
-
A escritura que ilumina. O legado epistolar de José Mejuto Bernárdez (Preso antifranquista, 1936-1939), de Xesús Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto Soban. 3 (2020)
O terceiro volume da colección ten como protagonista o preso antifranquista José Mejuto Bernárdez, cuxo legado epistolar nos permite saír do silencio colectivo e dignificar a memoria de todo un país.
Ao longo do monográfico, os autores, Alonso Montero, Olivia Rodríguez González e Ana Paula Mejuto Soba, realizan un estudo das 36 cartas que José Mejuto Bernárdez lle escribiu á familia nos primeiros meses da Guerra Civil. Esta obra permítenos achegarnos non só ás vivencias do seu protagonista, senón tamén á realidade dos milleiros de presos republicanos que, coma el, encontraron a morte nos cárceres franquistas.
-
O léxico do sufrimento nas Cantigas de Santa María. Campos sémicos e campos léxicos, de Mª Jesús Botana Vilarn. 2 (2018)
Este segundo volume, da autoría da profesora María Jesús Botana Vilar, está dedicado aos campos léxicos e sémicos do sofremento nas Cantigas de Santa María.
Partindo dunha abordaxe filolóxica-literaria, e multidisciplinar, e da idea da existencia dun léxico amoroso na lírica medieval de ámbito románico, a profesora Botana Vilar analiza o léxico afectivo na opera magna do Rei Sabio, en particular a súa permeabilización e adaptación nas cantigas de loor, e deita nova luz sobre unha das obras máis relevantes da nosa lírica medieval.
-
O Romanceiro tradicional de Galicia, de Ana Valencianon. 1 (2017)
O primeiro dos volume da colección está dedicado a un xénero tradicional aínda presente na memoria colectiva do pobo galego: o Romanceiro.
Para esta abordaxe do Romanceiro cantado en Galicia procurouse a contribución da súa mellor especialista, a profesora Ana Valenciano, quen dedicou boa parte da súa vida aos estudos deste xénero tradicional e, de forma particular, ás súas manifestacións en terras galegas. O libro que aquí nos ofrece é unha versión renovada e sintética da súa visión do Romanceiro tradicional de Galicia.
-
Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-portuguêsn. (Outras pu (2021)
Baixo a dirección dos profesores Carlos Pazos-Justo, María Jesús Botana Vilar e Gabriel André e froito do traballo conxunto entre os tres Centros de Estudos Galegos radicados en Portugal (Universidade do Minho, Universidade Nova de Lisboa e Universidade do Algarve), no ano 2021 saíu do prelo o volume Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-português.
Trátase dunha colectánea de artigos que xiran derredor das relacións entre Galicia e Portugal, tratadas dende diferentes perspectivas e campos por estudosos do ámbito luso.